Crónica do debate parlamentario sobre a ILP en defensa do bosque autóctono

Ricardo Suárez García
Grado en Sociología. Máster en Relaciones Internacionales.
Doctorando de Medio Ambiente y Sociedad


¿Cales eran as medidas propostas?

A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) tiña por obxecto dar a volta á actual política forestal apostando por opcións produtivas que compatibilicen a explotación e a conservación do mesmo. Na exposición de motivos ponse o acento na grande extensión que as especies de crecemento rápido e en concreto o eucalipto están a acadar no territorio galego, extensión que pasou dunhas 130000 hectáreas (HA) a comezos dos anos 70 ás máis de 500000 no presente, é dicir, arredor do 17% da superficie do país. Estes dados adquiren aínda máis transcendencia se temos en conta que o plano forestal do ano 1992 predicía unha cantidade límite de 245000 HA ocupadas por dita especie para o ano 2030 e o feito de que a súa plantación en monocultivo só é permitida polas lexislacións española e portuguesa. A introdución da variedade Nitems, que pola súa resistencia ao frío permitiría introducir o eucalipto nas zonas do interior do país onde a día de hoxe non chegaron estas plantacións é considerada coma outra ameaza.

Na opinión da comisión promotora da ILP esta política destrúe o sistema agro-gandeiro galego para favorecer os intereses dunha serie de empresas multinacionais foráneas, afondando no abandono do rural e provocando grandes danos ecosistémicos cuxas consecuencias van máis alá do monte, provocando lumes, afectando á biodiversidade, ao solo, e aos ríos, rías e acuíferos da nosa terra.

Proponse a necesidade de instrumentos de ordenamento do monte sexa cal sexa a súa titularidade así coma o fomento de convenios entre administración e titulares que favorezan que se leven a cabo accións axeitadas ás características do territorio. Piden a defensa da titularidade das comunidades de monte veciñal en man común (CMVMC) baixo calquera circunstancia e optando pola prohibición da intromisión da empresa privada no aproveitamento destes montes. Aposta promoción do asociacionismo entre particulares a través de UXFOR (unidades de xestión forestal) con dereito ao asesoramento por parte da administración.

O seguinte capítulo da proposta de lei propuña a prohibición do eucalipto Nitems en todo o territorio. No caso de resto de eucaliptos a prohibición abranguería os núcleos poboados e os espazos protexidos ou destinados á agricultura e gandería; en todo caso calquera nova plantación desta especie debería ser feita tras unha moratoria que estudase os usos adecuados para cada parcela do terreo forestal galego e deberá contar con faixas de separación entre explotacións.

Nomease tamén a vontade de prohibir os cultivos enerxéticos forestais e avógase pola posta en funcionamento dun programa de redución da superficie dedicada ao eucalipto, especialmente aquela que se encontre en situación de abandono. Incídese na necesidade de retirar a biomasa que poda servir de combustible para os lumes tralos traballos nos montes; na obriga de respectar as distancias entre as zonas arboradas e determinados accidentes xeográficos, zonas urbanas, patrimonio histórico e infraestruturas; e pola creación dun plano de prevención anual contra incendios que deberá ser aprobado no último trimestre así coma dun inventario de masas de frondosas autóctonas que axude a súa conservación e ao fomento da creación de novas masas deste tipo.

Por último, o documento fai unha clara aposta pola diversificación de producións sostibles no monte galego, polo fomento de PEMES de transformación das materias primas forestais que aporten valor engadido ás mesmas, pola compensación monetaria a aqueles propietarios do montes que aporten servicios ecosistémicos favorables para a sociedade galega e pola derrogación daquelas normativas contrarias ao anteriormente exposto.

 

As intervencións dos grupos parlamentarios.

BNG

Trala defensa da proposta por parte da poñente chegou a quenda de palabra dos diferentes grupos políticos que compoñen o Parlamento de Galicia. O BNG foi o primeiro coa intervención de Mini Rivas, quen comezou lamentándose pola desagrarización da economía galega durante as últimas décadas a través dun proceso de industrialización ilóxica e dunha forestación salvaxe por parte do paradoxicamente chamando ICONA (Instituto para a conservación da natureza) que levaron consigo o abandono do rural galego.

Acusou ás políticas levadas a cabo polo PP durante décadas de fomentar unha visión do rural como un mundo atrasado e de subvencionar o abandono das actividades agrarias e as plantación de eucalipto, provocando así a existencia no presente a presenza de masas de eucaliptais que superan o 50% do territorio en diversas zonas de Galicia; e apelou ao pensamento en positivo das posibilidades e da riqueza do noso rural, apto para a multifuncionalidade produtiva e os cultivos forestais de calidade en detrimento do que cualificou coma inframadeira.

Expresou magoa por unha propiedade forestal atomizada e en man de absentistas que acusa a carencia de ordenación por parte dos gobernos conservadores que só pensan nos intereses de empresas de fóra que non proporcionan valor engadido aos recursos naturais galegos. Botoulles en cara tamén a paralización de fórmulas de cooperación entre propietarios para o aproveitamento sostible do monte (UXFOR) que servían de fomento do gando extensivo e da colleita de froitos no monte que servirían para dotar aos mercados de produtos cárnicos e vexetais locais frescos e en conserva, así como a creación dunha nova figura de asociacionismo (SOFOR) que apenas se frutificou en 6 casos en toda a xeografía galega e que segundo del favorecen aos intereses da empresa privada.

Rematou a súa intervención pedindo ao resto de forzas políticas e a sociedade un esforzo por poñer o coñecemento de investigadores e paisanos ao servizo das potencialidades do monte para a economía galega.

PSdG

A seguinte quenda foi para Hernández Fernández, do grupo socialista, quen a pesar de salientar a importancia e utilidade que teñen as ILPs e de valorar positivamente a reacción da sociedade fronte a vaga de lumes de outubro de 2017 e a inquedanza social resultante pola revitalización do bosque autóctono, cualificou as coincidencias entre as iniciativas do seu partido e da proposta de lei a debate de “anecdóticas e testemuñais”. Argumentou que a existencia de discrepancias en canto ao contido do texto e a existencia de unha comisión de estudo (e non de investigación) que debe servir para que a sociedade galega traballe xunta e sen buscar culpables para mellorar a xestión do territorio forestal galego como fonte da oposición do seu grupo á proposta de lei.

Expresou o acordo en canto a aposta por “un monte sostible, multifuncional e dinámico” pero ao mesmo tempo recordou aos propoñentes a necesidade de que este sexa rendible economicamente, de escoitar ás diferentes partes e de buscar consenso no que debe ser “unha política de país” e animou aos sectores que defenden dita proposta a sentarse na mesa para mellorar o que consideran un bo ditame (o aprobado meses atrás por PPdeG e PSdeG) e loitar xuntos por unha recuperación das políticas do goberno de Touriño.

Para rematar, o representante dos socialistas quixo dar importancia a algunhas das facetas nas que o seu grupo coincide có texto proposto como a planificación integral dos usos rurais e os bens forestais, a limitación da proporción de eucalipto nas novas plantacións, a obriga de xestionar a biomasa forestal e a toma en consideración das CMVMC.

EnMarea

A terceira quenda foi para EnMarea e neste caso o orador foi Rodríguez Estévez, que expresou que o seu grupo comparte as preocupacións dos propoñentes por unha deficiente política baseada no eucalipto que desbota a multifuncionalidade e as oportunidades sostibles do monte, a súa aposta por unha xestión conxunta entre administración e propietarios e o rexeitamento dos cultivos enerxéticos forestais.

Mencionou o feito de que o territorio galego conte có 52% dos eucaliptos do estado español e cun 53% da variedade globulus (orixinaria de Australia) a nivel global, situación que ten pinta de se agravar coa introdución da variedade Nitems no interior. Cualificou de tendenciosas os dados ofrecidos polo goberno do PP cando se refire á súa intención de aumentar nun 50% as masas de frondosas autóctonas posto que se atendemos ás cifras absolutas este porcentaxe sobre 30000 HA supón un incremento menor que o 8% de aumento planeado para as 500000 HA de eucalipto. Datos que segundo o seu punto de vista mostran a falta de protección do bosque autóctono, que supón tamén a perda de superficie cultivable a prol dos intereses das empresas foráneas. Así mesmo recordou ao PP que polo menos cumpra coas leis promulgadas por eles mesmos, a quen tamén acusou de potenciar unha dinámica de abandono das CMVMC.

Rematou a súa intervención avogando por unha verdadeira industria de transformación dos recursos forestais que xere valor engadido, afirmando que o modelo do señor Couto (encargado da política forestal do goberno conservador) esnaquiza o patrimonio cultural, ambiental e económico e apelou a unión entre a veciñanza comuneira e outras entidades civís autoorganizadas  para loitar conxuntamente contra dito modelo.

PP

A última quenda foi a do grupo popular coa palabra de Blanco Paradelo, quen comezou coa benvida a Virxinia Rodríguez ao parlamento galego e co recoñecemento ao traballo levado a cabo polos redactores da ILP xa que supón unha gran oportunidade para debater entre diferentes visións sobre un tópico de gran actualidade e a mostra do orgullo que a sociedade galega sente polo seu rural.

Puxo en valor o feito de que ante uns acontecementos que superaron a sociedade galega e ao seu goberno, este último soubo reaccionar aprobando 30 medidas das cales 22 xa están cumpridas e poñendo en marcha unha comisión da que resultou un ditame con 123 recomendacións para “un monte multifuncional, vivo e ecolóxico” e nun acordo de país entre o seu grupo e o socialista e acusou ás outras forzas e aos redactores da proposta de traer ao parlamento as mesmas recomendacións que eles xa tiñan aprobado.

Acentuou o feito de que o PP non ía entrar na dicotomía entre aqueles que acusan ao eucalipto de especie invasora e aqueles que o ven como o principal axente dinamizador do rural galego cando para o seu grupo o importante é apostar por cada especie aló onde sexa viable. O orador apoiou o seu discurso nas teses de varios escolares coma Juan Picos, do que destacou que aclara que a palabra pirófita refírese á adaptación posterior ao incendio e non a provócalos ou que a matogueira pode ser moito máis perigosa que calquera especie arbórea; mencionou ao catedrático Rodríguez Soalleiro para defender que a xestión e máis imporante que a especie plantada; e tamén acudiu ás palabras de Ferros Viqueira para sinalar que que unha carballeira con exceso de biomasa pode ter máis perigo que un eucaliptal limpo. Apoiouse tamén en dados coma o feito de existir distritos forestais onde domina o eucalipto e hai menos incendios ou o feito de que a provincia de Ourense onde non ten presenza esta especie sexa onde o número de incendios é maior para negar a correlación especie-lume.

Cualificou de simple erro de estimación a superación do número de HA estimadas polo plano forestal do 92, segundo el motivado pola súa alta rendibilidade e demanda. Recordou que os eucaliptos xa non reciben subvencións hoxe en día e que existen multas para quen saltan as limitacións establecidas. Así mesmo recalcou que xera 5500 empregos e 150 millóns de euros en cortar que recaen sobre as familias galegas e sinalou que un novo informe da subdirección forestal rectifica a un primeiro que pedía a etiqueta ao eucalipto como especie invasora.

Para rematar defendeu os cultivos forestais enerxéticos como unha oportunidade económica competitiva que rebaixa as emisións de CO2 e botou en cara aos colectivos ecoloxistas o feito de estar en contra de tódalas formas de xerar enerxía, afirmou que a paralización das UXFOR debeuse á ilegalidade de algunhas asociacións de usuarios sen constitución formal e a necesidade de combater o abandono a través de explotacións rendibles e tendeu a man aos poñentes para que se sumen ao acordo acadado polo seu grupo e os socialistas.

 

A resposta da poñente.

A última quenda de palabra foi de novo para Virxinia Rodríguez, poñente e presidenta de ADEGA, que comezou a súa intervención con unha reprimenda aos parlamentarios pola súa falta de educación e apelando a súa condición de profesora para pedirlles coma aos seus nenos que deben “escoitar e ser respectuosos” e corrixir o seu comportamento de replicar fóra da súa quenda de palabra. Agradeceu o apoio de EnMarea e BNG, pediu recapacitación aos socialistas e ofreceu traballar nunha síntese entre os documentos de ambas partes.

Pasou logo a referirse ao PP para negar a súa exposición sobre o papel de matogueiras e eucaliptos, poñendo en valor o cometido das franxas verdes de protección e acusándoos de terxiversar os dados xa que non se pode comparar litoral con interior nin diferentes tipoloxías de incendios. Replicou tamén o argumento da rendibilidade afirmando que “do eucalipto non se vive, se sobrevive” e a falta de escoita á sociedade civil.

Fronte ao modelo forestal do PP defendeu a función ecolóxica de matogueiras e pastos, pediu o pago dos servizos ecosistémicos aos propietarios e a necesidade dun selo de certificación forestal galego, optou polo ás CMVMC na loita contra o abandono e denunciou que o asociacionismo está influído por mans privadas por culpa da figura das SOFOR.

Trala votación, có voto en contra do PP, a abstención dos socialistas e o voto a favor de EnMarea e BNG a toma en consideración da proposta foi denegada.

La entrada Crónica do debate parlamentario sobre a ILP en defensa do bosque autóctono aparece primero en Contrainformación.

Deja un comentario